28/01/09

MÁIS PAZ,MÁIS POEMAS


O Seminario Galego Pola Paz recolle no seu libro "Construir a paz" este poema de Antonio García Teijeiro sobre os nenos,as nenas e a paz.Paula,de 6º púxolle voz e poderedes escoitala moi pronto.
A TERRA DURMIDA

A terra dormida,
sentiu no seu seo
disparos de chumbo
disparos de xeo.

Moreas de nenos,
Co seu agarimo,
Fixeron da guerra
Un mar de aloumiños.

E foron as nenas
deitando dozura
as que converteron
o medo en ternura.

A terra, durmida,
non quere espertar.
Está moi ferida
non pode xirar.

Meniñas,meniños
de tódalas cores
cubriron a terra
de beixos e flores.

A terra abre un ollo
e sente calor.
Escoita baixiño
sonatas de amor.
E xira que xira
coitada ,a modiño,
rapazas,rapaces,
co voso cariño.

POEMA VISUAL POLA PAZ


Desde o colexio Xulio Camba ,de Vilanova de Arousa,envíannos dous novos poemas visuais.Felicitamos aos nenos e nenas de 4ºA deste colexio por unha produción tan delicada como fermosa.Nora boas!
Como vedes a Paz e a poesía camiñan xuntas.As dúas queren un mundo diferente,cheo de respecto cara as persoas e sentimentos coma os que atopamos nos nenos e nenas das nosas escolas.

19/01/09

MÁIS POEMAS POLA PAZ

Na bitácora da clase de latín do IES Alexandre Bóveda atopamos esta presentación sobre o poema "Irmaus" de Celso Emilio Ferreiro.Van case 50 anos da súa publicación no poemario "Longa Noite de Pedra",e as súas decaracións seguen de plena actualidade á vista dos acontecementos internacionais.

15/01/09

LITERATURA GALEGA POLA PAZ


Como nos acordamos dese traballador pola Paz incansable,que foi Xesús Jares!.Buscando poemas pola Paz entre os materiais publicados polo Seminario Galego de Educación Pola Paz,atopamos tanto traballo ao longo de tanto tempo,que non deixamos de agradecer que unha personalidade coma a súa se dedicara ao ensino .
"EDUCACIÓN E PAZ III.LITERATURA GALEGA POLA PAZ"(2008) coordinado por X.R. Jares é a terceira entrega da recompilación de 25 anos de traballo do SGEP,e acaba de chegar á nosa biblioteca.Recolle textos de autores galegos que defenden unha cultura de Paz .Reúne tanto narracións como poemas,e algúns dos autores xa colaboraran en"CULTURA PARA A PAZ"(1996).

13/01/09

POEMAS POLA PAZ

Cada ano,cada día,cada tempada atopamos razóns para reivindicar o DÍA POLA PAZ.O 30 de xaneiro volveremos reclamar desde as escolas do mundo que non se agreda aos nenos,nin aos pobos desde a impunidade que teñen algúns gobernos para arrasar,atacar e asfixiar.
POEMAS POLA PAZ foi unha iniciativa que se puxo en marcha co gallo da guerra de Irak,hai cinco anos,pero para a desgraza do mundo seguen de plena actualidade.
Iremos presentando algúns dos poemas que se leron por aquelas datas,ademais doutros seleccionados polo Seminario Galego pola Paz.

PRIMEIRO COLLERON

Primeiro colleron aos comunistas,

e eu non dixen nada porque eu non era comunista.

Logo levaron aos xudeus,

e non dixen nada porque non era un xudeu.

Logo viñeron polos obreiros,

e non dixen nada porque non era obreiro nin sindicalista.

Logo metéronse cos católicos,

e non dixen nada porque era protestante.

E cando ao final viñeron por min,

non quedaba ninguén para protestar.


Martín Niemöller,pastor alemán,aínda que tamén atribuído ao tamén alemán Bertolt Brecht


06/01/09

CURTAMETRAXES GALEGAS

Este curso,igual que o ano pasado queremos desde o ENDL gozar do cine en galego,xa que habitualmente temos moi poucas oportunidades de facelo.A Axencia Audiovisual Galega arquiva interesantes e magníficos traballos deste tema,agradecémoslle ademais a súa boa disposición e actitude colaboradora .Pouco a pouco iremos presentado curtametraxes aos que chegamos vía axencia Audiovisual e a súa sección Mediateca :Teu tubo, ou ben a través de FLOCOS.TV, un espacio na rede para difundir as producións galegas.

Para facer un comentario

  • Pulsa co cursor enriba de comentarios
  • Elixe de identidade "Nombre"
  • Pulsa en "Publicar comentarios"
  • Pon o teu nome
  • Escribe o teu comentario no recadro
  • Sairá publicado máis tarde, cando nos chegue