29/04/09

SEGUIMOS PRODUCINDO

Os audiovisuais axúdannos a traballar a oralidade e a capturar intereses cara actividades que se desenvolven no entorno das TICS. Dous novos chegan a nós,un aportado polo grupo de 5ºde primaria como resultado dun traballo sobre os anuncios publicitarios.O segundo ven de Infantil cun recitado dun trabalinguas. Podedes velos tamén en audiobiblio.



14/04/09

RECURSOS SOBRE RAMÓN PIÑEIRO


Presentamos a páxina web na que reunimos informacións interesantes sobre o autor .
Ramón Piñeiro,o homenaxeado polas Letras Galegas 2009 non é un corredor de carreiras.Podedes coñecer algo sobre a súa vida e obra premendo na foto.Nesta páxina web reunimos diferentes enlaces a materiais que poden servir de axuda clarexar quen era .

04/04/09

VAIA CONTOS !




Tal como esperábamos ,os nenos e nenas de Infantil e 1º Ciclo, ficaron coa boca aberta.Como comentou unha das súas titoras:"eles con tal de que lles conten contos....."
Gozamos vendo como os contadores se metían no papel que lles tocara,coma se de profesionais se tratara.A expectación por ver a irmáns e coñecidos incrementou a motivación natural que unha sesión de contacontos poida ter.
Moi acertada a selección dos contos e o apoio multimedia,que fixo posible un acercamento diferente a contos tan coñecidos e entrañables coma "O patiño feo","Os tres bandidos" ou "A Cebra Camila".
Aos pequenos gustáronlle todos:a uns a ratiña presumida ,a outros o patiño ,a outros o anano..houbo para todos os gustos.AdemAis recuperamos a unha contadora que había moito tempo que non escoitábamos.PARABÉNS A TODOS E TODAS!....e grazas por compartir os contos con nós.




03/04/09

O CEIP QUINTELA SÚMASE AO MANIFESTO DA COORDINADORA

De Heroínas de Sálvora do CEIP de Aguiño recollemos este artigo sobre a nova Coordinadora Galega de Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística. O noso centro tamén se suma a esta iniciativa dos profesionais da dinamización lingüística que defende a necesidade do cumprimento do Decreto 124/2007 para seguir acadando os obxectivos recollidos nos Proxectos Lingüísticos dos centros:

Na xuntanza mantida por un cento de coordinadores de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) dos centros de ensino públicos e privados no Instituto Galego de Información (Santiago de Compostela) o pasado sábado 28 de marzo, acordouse a constitución dunha Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística para establecer dinámicas de colaboración entre os diferentes equipos, unha cooperación que permita compartir experiencias normalizadoras que redunden positivamente no traballo da dinamización lingüística nos centros de ensino galegos.A primeira acción da Coordinadora Galega de ENDL é dar a coñecer o posicionamento público dos equipos sobre a derrogación do Decreto 124/2007, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, anunciada polo novo goberno da Xunta de Galicia.
http://www.coordinadoraendl.org/
"Os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística abaixo asinantes queren manifestar a súa preocupación ante a intención do novo goberno de derrogar o Decreto 124/2007 polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo. Como dinamizadores lingüísticos, pero moi especialmente como profesionais do ensino que somos, queremos facer constar o seguinte:1. Este decreto desenvolve o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia no ano 2004 e elaborado, na parte referida á educación, por unha comisión na que se integraban representantes das ANPAS, do profesorado, das organizacións pedagóxicas e das patronais do ensino concertado.2. Supón a superación dunha lexislación, o Decreto 247/95, que -despois de 12 anos de aplicación- tiña demostrado que non estaba respondendo aos obxectivos para os que fora deseñada, tal como poñen de manifesto os últimos datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia.3. Persegue como finalidade última que o alumnado acade, ao rematar os seus estudos, unha plena competencia lingüística que o capacite para expresarse oralmente e por escrito nas dúas linguas oficiais de Galicia, no marco dun ensino plurilingüe.4. Favorece que cada centro elabore o seu propio Proxecto lingüístico, documento que debe ser aprobado polo Consello Escolar e que, polo tanto, require a implicación e o consenso de toda a comunidade educativa: profesorado, alumnado, pais/nais, persoal non docente e representantes dos concellos.Dado que consideramos as medidas que se establecen no decreto como unha achega importante na tarefa dinamizadora e normalizadora que realizamos nos centros e que non pasou tempo suficiente para avaliar se os seu resultados satisfán os obxectivos para os que foi aprobado, solicitámoslle ao novo goberno que manteña os compromisos acordados pola comunidade educativa e o Parlamento galego no Plan xeral de normalización da lingua galega"

02/04/09

2 DE ABRIL ,DÍA DO LIBRO INFANTIL


Hoxe celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e nós imos facelo dun xeito moi especial.Teremos uns contacontos aos que agardamos con moita ansia,xa é que os alumnos do IES PARALAIA virán a facer unha animación que todos os anos é deliciosa.
Desde a biblioteca sempre nos gustou contar cos máis vellos do cole para esta actividade,pero desde hai dous cursos forma parte do Proxecto de Dinamización e Normalización dos dous centros.Os beneficios para uns nenos e outros son claros,algún de Infantil non para de decir:"meu irmán,que está no instituto,vai a vir a este cole..."Que nos traerán este ano?

Para facer un comentario

  • Pulsa co cursor enriba de comentarios
  • Elixe de identidade "Nombre"
  • Pulsa en "Publicar comentarios"
  • Pon o teu nome
  • Escribe o teu comentario no recadro
  • Sairá publicado máis tarde, cando nos chegue