29/12/08

PROXECTO: E POR QUE?

A Consellería de Sanidade , a de Cultura,en colaboración coa Consellería de Educación desenvolveron no ano 2006 o programa E POR QUE? sobre a prevención de riscos no fogar.Trátase dunha colección de vídeos e materiais nos que se van tocando cadanseu perigo do fogar,para sensibilizar tanto as familias coma os nenos e nenas e educadores.
Os vídeos están feitos con animacións sobre bonecos en plastilina,o que se chama stop-motion.É un traballo que desenvolveu a productora galega Continental, baixo a dirección de Virginia Curiá e Tomás Conde,con música de Nani García.Parádevos con eles porque ademais da mensaxe,da gusto velos(neste caso fainos pensar sobre os riscos dos electrodomésticos):


Agora vai outro sobre as tesoiras e os obxectos que cortan:


Se queredes ver a serie completa non tedes máis que ir á sección de Youtube de contidos educativos da Consellería de Educación,ou ben consultar en centros.xunta.es/contidos
Esperamos con ansia a nova serie do gato tolo,que tratará sobre os hábitos de alimentación saudables .

17/12/08

CANTOS DE NADAL

Do disco do Quiquiriquí,cantada por Tino Baz, o canto que estamos preparando para o venres:

CARTA PARA OS REIS

16/12/08

BOS DESEXOS NO NADAL

Con esta tarxeta faremos chegar os nosos mellores desexos a toda a comunidade escolar.
Antía,de terceiro curso ,e Jessi ,de quinto,foron as gañadoras do concurso de tarxetas de Nadal 2008.
Este foi o resultado de tan rifado deseño.
Pero para bos desexos os de 5ºcurso e 6º de Primaria que escribiron o que lles gustaría de verdade.Vale a pena lelos.

14/12/08

POEMAS VISUAIS


O equipo de Normalización do C.E.I.P. de Aguiño puxo en marcha pare este curso un Proxecto de Innovación Educativa no que se pretende dar novos pulos ao galego,neste caso a través da poesía.A proposta é elaborar poemas visuais nos que as imaxes,os obxectos,as palabras evocadas e as emocións formen un conxunto armónico.Decidiron ademáis apadriñar escolas nas que os nenos e nenas teñan esquecido falar galego ,pois ben ,nós somos unha desas escolas.Agora formamos parte do seu poemario visual.A demais están centros de Ferrol,Catoira,Vilanova de Arousa,Fene,A Coruña, Ourense...
A semana pasada enviamos o noso primeiro poema visual,elaborado polas bolboretas de 5 anos.

AGASALLOS NO NADAL




Chegadas estas datas todos andamos á busca do agasallo perfecto.Política Lingüística ofrécenos a través da súa páxina unha mostra de agasallos en galego para os máis novos ,coma o ano pasado,pero este ano inclúe tamén a mostra de agasallos en galego para os mozos.
Aínda que se o que queremos é ter unha idea ben clariña de todos eles ,o que mellor podemos facer é conectar co CPI Vicente Otero Valcárcel de Carral.
O seu equipo de Normalización e Dinamización fixo un estupendo traballo editando un catálogo de xoguetes,contos ,música e outros agasallos en galego.Nora boa polo material.

12/12/08

INFORME CONSELLO DE EUROPA SOBRE O GALEGO




O Comité de expertos do Consello de Europa ven de emitir un informe acerca do grao de cumprimento no estado español do establecido na Carta Europea das linguas rexionais e minoritarias.Aquela Carta que ratificou España,comprometía ao goberno a desenvolver canles que garantiran o dereito de todos os galegos e galegas a empregar e coñecer o galego no ensino,na administración(en especial a sanidade e a xustiza)e nos medios de comunicación. O estudo é anterior ao 2004,e deixa claro que en ningún destes ámbitos estase a cumprir o firmado.
Tamén recoñece que iniciativas como as galescolas ou o decreto do fomento do galego do 2007 van polo bo camiño.En todo caso apoia as reflexións e medidas do noso equipo de Normalización e Dinamización.

11/12/08

NADAL.NADAL

Xa temos os finalistas do" Concurso de Tarxetas de Nadal".Este ano esmerástevos moito e a elección da gañadora estivo tan difícil que houbo empate.Vós mesmos podedes velo:

09/12/08

NOVO XORNAL EN GALICIA


O XORNAL DE GALICIA pode atoparse xa á venda nos quioscos.Un novo xornal edítase en Galicia esperemos que cun compromiso claro co galego.En declaracións do seu director José Luís Gómez á Radio Galega,así o ratifica,admitindo que reflectirá o uso do galego no territorio:con sectores amplamente competentes na escrita en galego , outros con boas competencias orais etc.En todo caso afirma que non se lle negará a presenza a un dos dous idiomas oficiais de Galicia.
No perfil da súa editorial podemos atopar:"é un medio disposto a aportar información con criterio e calidade,en clave galega.Nace con vocación plural e independente e ten entre os seus principios fundacionais a defensa dos intereses de Galicia"..... e tamén:....."Galicia necesita uns medios de comunicación que saiban manter o obxectivo primordial,isto é,a defensa dos intereses xerais do país,do seu progreso social e económico e económico,da súa cultura e da súa lingua.".....

08/12/08

CINE EN GALEGO


O venres 5 de decembro estreouse OLENTZERO A NOITE DOS AGASALLOS unha nova película en tres dimensións que podemos gozar en galego nas salas de cine As Termas de Lugo, Gran Vía de Vigo, Os Rosales e Filmax na Coruña; Valle Inclán de Santiago de Compostela e Filmax de Lalín.
É a terceira entrega da saga de Olentzero,un personaxe popular vasco sobre as tradicións do Nadal.Contan as lendas que o Olentzero, un velliño carboeiro que vive nas montañas, deixa agasallos na Noiteboa aos nenos e nenas na compaña do seu burriño.
Sobre outras tradicións do Nadal : aquí

REMATOU CULTURGAL




O domingo día 7 clausurouse a mostra CULTURGAL 2008 superando as expectativas de asistencia.
Do 4 ao 7 de decembro déronse cita na Coruña as empresas dos distintos sectores da industria cultural galega.Profesionais do mundo editorial,audiovisual,escenográfico,musical, do eido da xestión cultural,das novas tecnoloxías etc déronnos oportunidade de coñecer algunhas das obras que se están a producir,e que necesitaban este escaparate de publicidade e de contacto.
A mostra contaba ademais cunha ampla programación de actividades :obradoiros, debates,presentacións,concertos,actuacións...
As nosas felicitacións,e o recoñecemento do bo facer nos obradoiros infantís e xuvenís .

05/12/08

SEMINARIO DE DINAMIZACIÓN E NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA


Na súa última xornada, asistimos ó interesante relatorio de MERCEDES QUEIXAS ZÁS,coordinadora dos equipos de Normalización da Coruña,profesora de lingua galega,escritora e excelente comunicadora.Falounos da elaboración dos Proxectos Lingüísticos de Centro e con abundante documentación ratificou as posturas do noso centro, lembrándonos que debemos garantir:
- o mantemento da lingua galega nos alumnos que a teñan como inicial e súa competencia lingüística en lingua castelá
-que os nenos e nenas que teñan a lingua castelá como inicial,adquiran tamén estas competencias en lingua galega
-plena competencia en lingua castelá a todo o alumnado
-a competencia establecida no programa para a lingua estranxeira.
No noso centro elaboramos cada ano o Proxecto Lingüístico ,que é un documento no que se deseñan ,entre outras, as actuacións que garantan ao alumnado unha competencia parella en lingua castelá e lingua galega .

Para facer un comentario

  • Pulsa co cursor enriba de comentarios
  • Elixe de identidade "Nombre"
  • Pulsa en "Publicar comentarios"
  • Pon o teu nome
  • Escribe o teu comentario no recadro
  • Sairá publicado máis tarde, cando nos chegue