30/03/09

FERMOSA NOITE PARA A LINGUA GALEGA II


XAVIER P. DOCAMPO deixounos na súa páxina web o seu discurso na noite de entrega dos premios Irmandade do Libro,na que recibiu o premio ao mellor autor.Recollemos unha parte porque non podemos esquecer a satisfacción que nos produciron as súas magníficas palabras

......"


Por iso estou tan a gusto aquí, nesta festa da palabra. Da nosa palabra, da palabra dita na nosa lingua. Das palabras coma bidueiro, ceo, canciño, arrecendo, albaroque, noitébrega, ouriol… que tanto parecen molestar; que tantas ameazas teñen que escoitar; que se lles arrebatan aos nenos e ás nenas coma quen os protexe dunha mala compañía que os pode levar polo mal camiño. Son os que pensan que restarlles coñecemento é mellor que sumárllelo. Eses mesmos fillos aos que se quere eivar, porque, aínda que no futuro poderán ler, coma min, O Quixote, non terán a fortuna que eu tiven e teño de ler Terra Chá, A esmorga ou Merlín e familia. E non será culpa deles, porque ningún ser humano abandona a súa lingua voluntariamente, dun xeito ou doutro sempre o fai obrigado por alguén. As linguas perdidas son linguas arrebatadas e sempre con violencia, quer física quer moral. Violencia da man daqueles que Manuel María acusaba…

[…] de vivir na súa terra desprezándoa,
intentando borrar o seu idioma,
asasinando o seu ser diferenciado.
Ninguén ten dereitos sobre das linguas máis que o pobo que as creou para facérense, como dixo Castelao, “o corpo sensible dunha cultura” ou con Cabanillas, para que sexan “o noso escudo”. Por iso o idioma non é de ninguén, porque é de todos. Non é de onte nin de hoxe, porque é de sempre. A lingua non se protexe nin se preserva para os de hoxe, senón que se garda e continúa para os de sempre, para os que foron, para os que son e para os que han ser. A lingua nin sequera é patrimonio dos que a usan, senón que é un ben da humanidade enteira. Patrimonio para preservar, coidar e estender no seu uso, e para transmitir, para entregar con xenerosidade e con orgullo aos nosos fillos e aos nosos netos e que así se fagan responsábeis da cadea que tamén a eles haberá de trascender. E dentro de mil anos aínda soará saudade, namoro, beizo, aperta, corpo, beixo, orella, tempa, seo, embigo, coxa, pé, deda…

Lembrade aquelas palabras de Castelao: “Como chamaríamos a un home que consentise o derrubamento do Pórtico da Groria? Pois é certamente máis bárbaro quen deixa morrer o idioma, obra de arte insuperable, feita con amor, con door e con ledicia polos nosos antergos, que recibimos en herdo e que temos a obriga de enriquecer co esprito do noso tempo”.

A pregunta de como lle habemos chamar a ese home, que a responda cada un para o seu claetre. A min só me queda pedirvos que non recuedes nin permitades que se recúe. Chámovos á resistencia pacífica, porque non se pode esquecer que os pacíficos somos nós; os belixerantes, por moito que conten dentro con complicidades cipaias, veñen de fóra; dos delirios uniformadores, dos desexos de anular o que de propio e identitario haxa en nós, consideran que a nosa identidade é mala mentres teñen por boa a súa. Por iso a defensa da lingua é a defensa de nós mesmos, sen ela non somos nada no mundo, perdemos as dimensións que nos fan visíbeis, que nos dan o espesor necesario para facermos vulto no mundo.
Victoriano Taibo deixou dito aquilo de…

O galego que non fala
a lingua da súa terra
nin sabe o que de seu
nin é merecente dela.

Así que chamar pola defensa e polo uso da nosa lingua non é máis que facerse dignos da terra que habitamos, facérmonos merecentes dela. Por iso dicimos con gusto aloumiño, cadullo, chorima, cadrifollo, paseniño, besbello, landuxo…


MOITAS GRAZAS XAVIER DOCAMPO! por compartir connosco tanta sabiduría e sensibilidade.

29/03/09

FERMOSA NOITE PARA A LINGUA GALEGA


Fermosa noite a dos Premios IRMANDADE DO LIBRO no Carballiño.O sábado 28,como se algunha estrela estivera en conxunción co galego,un tras outro fóronse sucedendo os discursos que amosaban especial sensibilidade polo momento que vive a lingua.
Aínda que non levamos o premio polo que nos nomearon finalistas,volvemos cheas de satisfacción porque por unha vez escoitamos de moi diferentes voces aquelo que os noso ollos levan vendo moito tempo.E é o recoñecemento de que o galego pasa por unha situación moi delicada,que non é momento para retrocesos porque queda moito camiño por andar.
Desde o mundo editorial,do libreiro ,da creación literaria e musical o apoio ao galego estivo presente.Compre destacar o discurso do autor gañador deste ano XAVIER P. DOCAMPO pola emotividade,contundencia e fermosura das súas verbas e tamén as cancións que nos regalou UXÍA .

  • Fomento da lectura - Bibliotecas Públicas do Concello de Oleiros
  • Institucións - Asociación cultural do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela
  • Mellor libro - Festina Lente de Marcos S. Calveiro publicado por Edicións Xerais de Galicia
PARABÉNS A TODOS!

20/03/09

RAMÓN PIÑEIRO E A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA


Cando se aprobou a Lei de Normalización Lingüística ,fai 25 anos;o homenaxeado das Letras Galegas 2009(Ramón Piñeiro) era parlamentario e pronunciou un discurso que o Consello da Cultura Galega acaba de poñer a disposición de todos e todas.
Podedes escoitalo e veredes que practicamente segue de actualidade,ademais compre lembralo para iluminarnos nestes días.Fala do optimista ambiente do Parlamento aquel 15 de xuño,do agradecemento ao pobo galego por ter conservado e transmitido de xeración en xeración o idioma,e da sobresaínte figura de Rosalía de Castro como símbolo de todos os que loitaron a prol da dignificación da lingua galega.

17/03/09

UN POEMA VISUAL SOBRE A CHOIVA


Os nenos e nenas de 2º do C.E.I.P. Xulio Camba envíannos un novo poema visual ,esta vez sobre a choiva.É un poema en movemento,xa que as pingas que conteñen as palabras están penduradas de fíos.Chuvia,auga,pingas...

16/03/09

UNHA DE AMOR

Recollemos de poemas para peques un poema DE AMOR para estes confusos días:

Por amor nacín da terra.
Por amor son o que son.
Por amor canto o meu canto,
por amor.

Por amor sángranme os pulsos
e abréseme o corazón.
Por amos dóenme os ollos.
Por amor,só por amor.

De Darío Xoán Cabana, "Cantigas do setenta"
Se queres coñecer poemas musicados doutros autores galegos entra en SON DE POETAS,un proxecto dos grupos de lingua galega e literatura e do Equipo de Normalización do IES David Buján de Cambre, A Coruña.

15/03/09

21 DE MARZO,DÍA DA POESÍA

En marzo comeza a primavera e a poesía ven con ela se é que nos deixara por un momento.A proveitamos para lembrar aquel poema de Celso Emilio Ferreiro sobre ela:
A nosa amiga

Non penses que a poesía é poesía
porque a teñen rubido a un altar,
senón porque comparte a nosa vida
cantando o seu cantar.

Cando nos imos
ela tamén se vai.

A poesía vive na temporalidá,
é unha cousa de hoxe,
un ouxeto humán,
auga,sono,roseira,
rúa,fenestra,man
vento na noite fonda,
conversa familiar
..............................

Non pensedes que a poesía é cousa sacra
porque a teñen rubido a un altar
aquiles que a pretendenden pra iles soios,
lonxana,altiva,intelectual.

A poesía é claro asunto
de todos:meu e teu, e dos demais.
cando os demais se van e nós nos imos
ela tamén se vai.

Celso Emilio Ferreiro."Onde o mundo se chama Celanova"
Recollido de "Poetízate",a antoloxía da poesía galega de Fran Alonso.

FINA CASALDEREY NO CLUB DE LECTURA


O club de lectura do cole recibíu a Fina Casalderrey o xoves.Acababan de ler "A lagoa das nenas mudas" e recibiron emocionados á autora.Faloulles dos seus libros,da súa infancia,e sobre todo dos sentimentos que a empuxan a escribir.A xuntanza foi un éxito,sobre toda da escritora porque o mantivo engaiolados a sesión completa.
Moitas cousas destacaron os rapaces e rapazas,pero ao mellor, o que máis lles gustou ,foi a capacidade da escritora para levalos dun sentimento a outro.En algún momento tivemos un nó na gorxa!

05/03/09

8 DE MARZO,DÍA DA MULLER TRABALLLADORA

O vindeiro domingo celebramos o DÍA DA MULLER TRABALLADORA, observade este vídeo que encontramos en Don Secón,o blogue do C.e.i.p. "A seca",en Poio
e enviadenos os vosos comentarios :lémbravos a alguén? Que faredes para que non ocorra o mesmo na vosa casa?



UNIDADE DIDÁCTICA "ESTAMOS EN TODAS"
WEB QUEST "MULLERES NA HISTORIA DE GALICIA",de Olga Rodríguez,do C.E.I.P. Milladoiro de Malpica

02/03/09

EN GALEGO.PÁSAO


Este é o lema para este ano en correlingua.

LEMA 2009:

En Galego. Pásao.

E é así porque xa se fallaron os concursos para banda deseñada e manifesto do CORRELINGUA 2009.Os gañadores son o curso de 3º de Primaria do C.E.I.P. O Piñeiriño de Vilagarcía de Arousa,na modalidade de banda deseñada.Quedaron finalistas o alumnado de 3º de Primaria do C.E.P.I. Labarta pose de Baio,Zas;o de 5ºB do C.E.I.P. A Xunqueira nº1 de PontevedraPara o manifesto os gañadores son os de 4º da E.S.O. do C.P.I. de Panxón en Nigrán.Remata así:
..."Parece mentira que de ser unha lingua de cultura en que se escribiron as cantigas medievais en toda a península, aínda haxa xente hoxe que diga que a lingua galega é unha lingua inferior. Se foi unha lingua en que escribiron ata os reis- trobadores Afonso X, o Sabio, e Don Dinis de Portugal, como é que a historia posterior creou tal complexo de inferioridade nalgúns galegos e galegas, ata rexeitala completamente?. Hai quen non quere que se dean as clases en lingua galega nas áreas que pola Lei de Normalización Lingüística se teñen que dar en galego; que din que se está impoñendo o galego no ensino. Prefiren que os seus fillos e fillas aprendan inglés e non galego. Pódese falar en galego, sen que por iso deixemos de aprender outras linguas. Na actualidade o galego non se impón, mais ben o que se impón é o castelán, pois é a lingua maioritaria. Se non facemos por remedialo, seguirá a mesma situación, ou mesmo empeorará, e cada vez haberá menos número de galegofalantes novos, o que levará consigo que a lingua galega se perda. Está nas nosas mans cambiar a situación. Falemos en galego!.

Parabéns a todos eles.
Agora queda por coñecer os gañadores do a polo ghit correlingua 2009.Eles serán os que actúen na festa correlingua que se celebrará nas principais cidades galegas.Pode descargar as cancións e votar por elas aquí.Participa!

Para facer un comentario

  • Pulsa co cursor enriba de comentarios
  • Elixe de identidade "Nombre"
  • Pulsa en "Publicar comentarios"
  • Pon o teu nome
  • Escribe o teu comentario no recadro
  • Sairá publicado máis tarde, cando nos chegue