Amosando publicacións coa etiqueta Curso 2009/2010. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Curso 2009/2010. Amosar todas as publicacións

13/06/10

Bernardino Graña na Real Academia


A Real Academia Galega desenvolveu, onte en Cangas, unha sesión extraordinaria para celebrar o acto de ingreso do poeta do mar, Bernardino Graña, nunha xornada emotiva na que o pobo cangués homenxeou con agarimo e admiración ao seu poeta.
Isto sería o natural polos innumerables méritos cos que conta, que o levaron ata os máis prezados recoñecementos.
Pero a homenaxe veu de volta, e o gran Bernardino, co seu discurso de entrada "Os contospopulares e Rosalía" fixo unha defensa fundamentada da literatura popular galega, transmitíndonos a súa riqueza e universalidade.
Fixo referencias continuadas ás historias e a musicalidade das verbas que escoitaba de neno na súa casa familiar de Darbo. Devolveu así a homenaxe ao pobo de Cangas que tanto lle debe e amosando o carácter xeneroso e sincero do poeta.
Así empezou o seu discurso Brenardino Graña, académico numerario da RAG: "Os galegos somos coma os salmóns. Se queremos buscar as nosa augas puras e primexenias e seguirmos sendo cama nós mesmos, se queremos sobrevivir, sermos fieis á nosa identidade, temos que deixar o ancho mar do castelán e impulsarnos contra corrente, polos cursos estreitos e doces, río arriba, polos nosos ríos galegos, con perigo de topeñar nalgún penedo, ou sermos comidos por algún oso no camiño."Recibindo a medalla e nomeamento das mans do seu compañeiro do grupo Brais Pinto, o presidente da Academia, Xosé Luis Méndez Ferrrín.Foto:Gonzalo Núñez.

24/05/10

Comeza a función!

Xa están os nosos pequenos actores e actrices preparando as súas gorxas para o gran día. O martes 25 desenvolveremos o festival anual de teatro. Aí vai o programa:

20/05/10

Que vergoña!


Nin o informe do Consello Consultivo, nin o da Real Academia Galega, nin o do Consello Escolar de Galicia, nin o do Consello da Cultura Galega, nin o da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, nin de canto sindicato de ensino hai ou movementos de renovación pedagóxicas, mesmo das Asociacións de Nais e Pais do Ensino Público, repetimos ningún dos informes ou opinións destes especialistas en materia de lingua foron quen de mudar as teses do actual goberno sobre o decreto do galego.
Hoxe a Xunta aprobou o decreto do galego, chamado do plurilingüismo, con pequenas modificacións que serán retomadas en posteriores regulamentos. A pesar de suprimir as consultas aos pais en Educación Primaria, o goberno afirma que promulgará unha lei posterior na que se dará cabida a tal compromiso electoral. Tampouco veremos afastadas das aulas as propostas nas que se relega o galego a unha presenza do 33% no ensino obrigatorio, xa que tamén hai promesas de convocatorias para potenciar os centros con estas ofertas, agora baixo o título da Innovación Educativa.
O galego segue a quedar desprotexido por este decreto, sobre todo nas primeiras idades, nas que a aprendizaxe de idiomas máis fructifica. Os nosos rapaces e rapazas deixarán de favorecerse do trasvase de coñecementos en canto a linguas se refire ao non poder e recibir unha educación nas dúas linguas oficiais.
Unha verdadeira mágoa, xa que a partir de agora o galego desaparecerá das aulas de Infantil das nosas cidades e tamén dunha gran parte de Pontevedra.

06/05/10

Estudo do ICE sobre competencias comparadas en 4º de ESO


-->
O Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, ven de facer público o informe sobre a avaliación de competencias en galego e castelán do alumnado de 4º de ESO.
O estudo, coordinado por Bieito Silva Valdivia conclúe que os rapaces galegofalantes, acadan dominios máis igualitarios nas dúas linguas oficiais, que os monolíngües en castelán, outra proba máis de que as linguas suman. Recóllese tamén que o dominio do galego, sobre todo a nivel escrito, acada niveis lixeiramente inferiores aos do castelán.
Desde a Secretaría de Política lingüística sen embargo interprétase doutro xeito este estudo e proponse como medidas correctivas poñer aos rapaces en contacto coa lingua galega, eso sí,fóra das aulas.
Unha boa ocasión sería poder atopalo no cine, nos videxogos ou gozar dunha programación de televisión axeitada para estas estas idades.

04/05/10

02/05/10

Visita ao taller de Lito Portela

Este é o texto que nos envían os do terceiro ciclo de Primaria sobre o encontro co artista.Publicaremos tamén a entrevista que lle fixeron e incluiremos o seu currículo na Galipedia, xa que nestes momentos non se poden atopar informacións sobre Lito Portela nesta web.


VISITA AO TALLER DO ARTISTA MOAÑÉS LITO PORTELA


O pasado xoves, 29 de abril, o alumnado de terceiro ciclo visitamos o taller dun artista moañés.

O pintor e escultor Lito Portela falounos de como elabora as súas obras dende que ten a idea na cabeza ata que remata a peza. Explicounos como facer unha escultura con elementos da natureza.

Tíñanos preparado na súa mesa de traballo: canas cortadas e con buracos, fíos de vimbia e tiras de cartolina. Con todo isto propúxonos converternos en artistas por un día.

Agradecemos a súa amabilidade con nós e o tempo que nos dedicou.

Alumnado de 3º ciclo

P.D. Ao remate da visita Lito Portela agasallounos cunha pintura súa para o colexio.

26/04/10

Lito Portela

Lito Portela, o pintor e escultor moañés que expón estes días na Galería Metro de Santiago a súa serie "Sálvese quen poida", cederános un pouco do seu tempo para amosarnos o seu obradoiro en Tirán.
Poderemos ver esculturas nas distintas fases de produción e maquetas de moitos dos seus deseños.
Non deixará de amosar parte da súa obra pictórica, tanto en óleo como en acuarelas, a súa gran afición.
Lito Portela dedícase nestes momentos á escultura en poliéster pulido, que presta a súa plasticidade para que o autor poida reproducir estruturas que gardan na súa orixe unha evocación ao mundo mariño, pero que dan xogo á luz, a cor e o volume. Deste xeito crea outras formas cunha estética innovadora e máxica.

19/04/10

Uxío Novoneyra

"Courel de tesos cumes que ollan de lonxe!
Eiquí síntese ben o pouco que é un home....

Para coñecer un pouco máis do poeta do Courel, ollade este vídeo do CPI dos Dices en Rois, e o CPI da Baña:




Poderedes atopar outros recursos didácticos, bibliográficos e fonográficos na páxina web da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística:

13/04/10

Uns contacontos moi especiais

"A verdadeira historia de carapuchiña", "O Anano Saltareiro", "A Cebra Camila", "O Galo Quirico", "Que parvos son os camaleóns"....estes contos e outros máis encheron o luns a nosa biblioteca nas voces dos rapaces e rapazas do IES A Paralaia, que por un día actuaron para nós de contacontos .
Viñan cargados de ilusión e os pequenos puxeron as súas ganas de escoitar historias, un conxunto perfecto para gozar da lectura no mes do libro infantil, se engadimos a fonda emoción que se apalpaba na biblioteca.Tivemos trasnos, lobos, bodas, ventos, raiñas, esquíos.... todos da man destes actores tan especiais.O equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES A Paralaia organiza esta actividade e nós animámolos a seguila desenvolvendo, porque os nosos alumnos xa están desexando facerse grandes para poder participar.

24/03/10

Visita á Aula de Catalogación de Instrumentos Tradicionais

Elsa, de de sexto curso deixounos este texto sobre a visita:

"Os nenos e nenas de Quintela fomos ver ao Centro Cultural de Moaña, unha exposición sobre instrumentos; exactamente era unha "aula de catalogación de instrumentos tradicionais". O noso guía foi Xavier Blanco, gran coñecedor do tema que nos foi explicando como se tocaban os instrumentos.
Xavier díxonos que todos eles foron feitos con materiais reciclados procedentes da natureza."


Nin alumn@s nin mestres esperaban atoparse con 350 instrumentos catalogados, nin tampouco descubrir as posibilidades sonoras de elementos da natureza tan comúns.
O certo é que naquela sala non caben os cerca de mil que compoñen a colección.
Hai que dicir que estes instrumentos foron recollidos polo mestre gaiteiro do concello de Moaña Xavier Blanco, que serviu de guía da extraordinaria exposición. O que máis lles chamou a atención foi que Moaña contara con tanta riqueza na súa tradición, xa que as pezas foron recollidas no propio concello.
Un patrimonio que corre o perigo de perderse para sempre cos que o posúen, e ao que debemos valorar como se merece.
Todo o Morrazo, e Moaña en concreto é unha das zonas de maior riqueza en patrimonio musical de Galicia, como poden ser as Terras de Montes ou as do Condado-Paradanta, onde os grandes músicos do pais inspiran as súas pezas.

01/03/10

Coplas de Entroido III


Coplas de Entroido II

Máis coplas para escoitar. Este ano cada curso levaba un disfrace relacionado cos inventos e as cientificas e científicos. En 2º ían co disfrace lámpada, iso si, lámpada ecolóxica. E agora escoitade os de 2º e 3º:


Coplas de Entroido

Xa podedes escoitar as coplas deste ano. Aquí tedes as de Infantil e 1º de Primaria:



21/02/10

Entroido 2010

Estas son as coplas que compuxeron os distintos cursos este ano. Máis adiante publicaremos as gravacións, que están en fase de produción. Lembrades as do curso pasado?


03/02/10

55 mentiras sobre a lingua galega


Vitoria/Gasteiz,Vilalba, Vilagarcía, Vilafranca do Bierzo, Vigo, Viana do Bolo, Verín , Tui, Tübingen (Alemaña), Trintxerpe (Guipúzcoa), Saraievo (Bosnia),Santiago, San Martiño de Trebello (Val do Ellas, Extremadura), Salceda de Caselas, Ribeira, Ribadeo,Ribadavia, Pontevedra, Pontedeume, Ponteareas,Ponferrada,Pobra de Trives, París (Francia), Padrón, Ourense, O Grove, O Barco, Nova York (EEUU), Noia, Nigrán, Nablús (Palestina), Monforte, Moaña, Melide, Marín, Madrid, Madison (Wisconsin, EEUU), Lugo, Lubián (Zamora), Londres (Gran Bretaña), Lisboa (Portugal), Lalín, Guitiriz, Gondomar, Ferrol,Fene, Cuntis, Cotobade, Corcaigh/Cork (Irlanda), Copenhague (Dinamarca),Chantada, Cerceda, Celanova, Carnota, Carballo, Cangas, Cambados, Caldas de Reis, Cacheiras-Teo, Bueu, Bruxelas (Bélxica), Bos Aires (Arxentina), Bethelem (Palestina), Barcelona, Baiona, Baio (Zas), Allariz, A Estrada, A Coruña.

O vindeiro venres 5 de febreiro, ás 20.30 terá lugar ( nos lugares coa mesma franxa horaria) a presentación simultánea do libro
"55 mentiras sobre a lingua galega". Prolingua promove esta publicación que chega a nós da man de Laiovento.
Trátase dun conxunto de textos cordinado polo profesor da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas e que vai aclarando as falacias máis estendidas sobre o galego .

Se queres máis información sobre os actos de presentación ,preme na capa do libro.

As aulas e o despacho

Na Xornada de Formación dos Premios de Innovación en Normalización Lingüística, o profesorado fixo chegar a Anxo Lorenzo algunhas das súas críticas ao borrrador do decreto:

as aulas e o despacho from SonCine on Vimeo.

Dictame do Consello da Cultura


O Consello da Cultura Galega ven de publicar o seu dictame sobre as "Bases para a elaboración do decreto do plurinlingüísmo", outro informe negativo que se engade ao de múltiples colectivos e ao da propia Real Academia Galega.
Transmite no seu análisis rigorosas críticas ao borrador, sobre todo as referidas ao baixo nivel de protección do galego que foi asumido por todos os governantes galegos ata o momento, sinalando que "estas políticas de promoción responden a un mandato legal expresado de diversas maneiras en normas de distinto rango".
Desaconsella a elección por parte das familias da lingua a empregar en determinadas materias porque considera que "é invasiva das competencias e responsabilidades atinxentes á organización da docencia que corresponden á Administración pública e aos propios centros do ensino, e unha potencial fonte de tensións e conflitos".
E considera que"a previsión xenérica de que o alumnado utilice nas aulas e nos exames o idioma da súa preferencia, con independencia da lingua asignada a cada materia, carece de lóxica educativa".

02/02/10

Carta dos premios de Innovación en Normalización Lingüística

Na xornada do sábado 30, os 11 centros premiados fixeron chegar o seu sentir unánime sobre as "Bases para a elaboración do decreto do plurilingüísmo" ao Secretario Xeral de Política Lingüística , cunha carta que reproducimos máis abaixo. Foi no trascurso das Xornadas de Formación dos Premios de Innovación en Normalización Lingüística, que tiveron lugar no IES As Fontiñas de Santiago de Compostela.


Señor secretario xeral de Política Lingüística:

Reclamamos a súa atención para unhas breves consideracións que queremos transmitir ao goberno galego e que recollen o noso sentir unánime. O sentido da responsabilidade e o respecto que nos merece a súa persoal traxectoria docente e investigadora serán o contrapeso que nos permita conseguir continencia verbal á hora de lle expresar o noso malestar.

Aínda que para vostede non sexa agradábel escoitar as nosas queixas –e tampouco para nós formulalas-, temos a obriga moral de transmitirllas aquí e agora. Coa máxima cordialidade e co máximo respecto, nesta que debería ser xornada de xúbilo, temos que alzar a nosa voz para clamar contra a involución manifesta (redución do número de premios; dotación económica testemuñal; cambios regresivos na convocatoria de axudas para os equipos de normalización; actitude de desprezo polo patrimonio literario por parte do conselleiro do ramo; e, como colofón, as chamadas Bases do Decreto do Plurilingüismo).

A que era tenue e incipiente normalización nos centros foi posíbel grazas á implicación de profesoras e profesores comprometidos, ás veces para o alumnado os únicos referentes de uso do galego en todos os ámbitos. Con que fin pretenden que este profesorado teña que renunciar á docencia vertebradora? Cal é o fin de que se pretenda responsabilizar do ensino en galego a determinadas persoas sen competencia nin motivación para esta encomenda? A mellor garantía da presenza normalizada do galego no ensino é o profesorado que leva varios anos desenvolvendo en galego a docencia e a vida. Mais este histórico contributo de recuperación da identidade colectiva será cercenado polo marco legal proposto, que acentúa os comportamentos diglósicos e nega a posibilidade de ofrecer ao alumnado modelos de usos lingüísticos normalizados.

Por todo o exposto, os representantes aquí presentes dos Equipos de Normalización Lingüística que están a desenvolver en colexios e institutos proxectos cuxa calidade ten sido recoñecida nos premios de innovación convocados pola Secretaría que vostede dirixe solicitámoslle a retirada destas bases e o mantemento do Decreto en vigor, o que desenvolve as medidas consensuadas no Plan de Normalización da Lingua Galega e o máis axeitado para poder cumprir a tarefa que a propia administración educativa nos encomendou: promover o galego para normalizar o seu uso entre a comunidade educativa, asentando así as bases dun ensino plurilingüe.

Asdo.:

Premios á Innovación en Normalización Lingüística 2009-2010

Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do CEIP Aguiño (Ribeira), CEIP A Gándara (Carballo), CEIP A Pedra (Bueu), CEIP Bergantiños (Carballo), CEIP Quintela (Moaña) IES Menéndez Pidal (A Coruña), IES Sardiñeira (A Coruña), IES Félix Muriel (Rianxo), IES Perdouro (Burela), IES Rodeira (Cangas) e IES Porto do Son (Porto do Son).

18/01/10

Análise da Real Academia Galega


A Real Academia Galega ven de publicar a súa "Análise das bases para a elaboración do decreto do plurilingüísmo". Foi aprobada por unanimidade no Plenario da Academia, de tal xeito que os redactores recibiron "varias series de baterías aprobatorias marcadas polos cotelos", así o relata o académico Méndez Ferrín no seu artigo"Análise académica".
O documento fai un estudo pormenorizado dos distintos apartados das bases, insistindo unha e outra vez na necesidade e vixencia da Normalización da nosa lingua.
Lembran algo obvio para todos os ensinantes: que o libre uso da lingua vai ligado necesariamente a que a administración garanta o seu coñecemento, e tamén que un trato igualitario para dúas ou tres linguas en situación desigual é un claro acto de desigualdade. Acto que contravén a lexislación vixente sobre protección e promoción do galego.
En varios puntos, ademais insístese na dubidosa legalidade do texto presentado pola Consellería, que esquece sentencias xudiciais e deixa sen desenvolver leis de amplo consenso.

17/01/10

Un decreto sen consenso

Desde que foran publicadas as bases para a elaboración do decreto do plurilingüísmo, en vésperas da fin do ano, non deixamos de recibir opinións críticas que valoran o inapropiado de tales bases desde puntos de vista lingüístico, organizativo, legal e pedagóxico.
As derradeiras en chegar a nós son as da Real Academia Galega,que maña se farán públicas de xeito máis explícito en rolda de prensa.
A Coordinadora de traballadores pola Normalización Lingüística (Ctnl), recolle na súa web unha recompilación actualizada dos artigos e posicionamentos de diversas entidadesmpublicadaos en prensa:

Para facer un comentario

  • Pulsa co cursor enriba de comentarios
  • Elixe de identidade "Nombre"
  • Pulsa en "Publicar comentarios"
  • Pon o teu nome
  • Escribe o teu comentario no recadro
  • Sairá publicado máis tarde, cando nos chegue