Amosando publicacións coa etiqueta Curso 2008-2009. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Curso 2008-2009. Amosar todas as publicacións

27/07/09

Palabras no ar


PALABRA NO AR é o blog da campaña de dinamización lingüística de KALANDRAKA EDITORA, promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Nel atiparás emisións radiofónicas, entrevistas, contacontos, enquisas,...

21/05/09

Canta sabedoría!

Iván Costa chegou coa súa zanfona e a súa gaita puntual coma un cravo.Os de 5º de Primaria tíñanlle unha entrevista preparada e acrisoláronno a preguntas ,pero a nós serviunos para tirar unha chea de informacións abraiantes.
Empezou de neno a tocar a gaita,e máis tarde adquiriu formación musical,tanto clásica coma no Conservatorio de Música tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo.Toca máis de 20 instrumentos,todos os da percusión galega. O derradeiro co que se puxo foi coa zanfona,á que lle dedica máis tempo (según el aínda está aprendendo,a nós parécenos que toca de marabilla).
A súa música aparece nuns 15 discos,pero o seu cativo mellor criado é Ávrego,o seu disco en solitario.Disque a actuación que máis recorda é a de Lorient (Francia),cando lle deron o premio Mcallan e tivo que actuar "soíño" diante dun ateigado campo de fútbol.
Díxonos que nos colexios debería haber máis música tradicional galega e lembrounos que en Moaña contábamos co mestre gaiteiro Xavier Blanco, e a Escola de Música .
Podedes consultar a entrevista completa nos vindeiros días en AQUÍ VIVIMOS

10/05/09

O RAP DA LINGUA DE MIGALLAS

As compañeiras dos equipos de Normalización e de Biblioteca do Ceip Mestre Martínez Alonso de Vigo achégannos esta fermosa montaxe coa canción do grupo Migallas "O rap da lingua":



O RAP DA LINGUA (MIGALLAS)

QUE FALEMOS EN GALEGO
É UNHA COUSA NATURAL,
COMA A CHUVIA NO INVERNO
E A CALOR NO VERÁN.

EN GALEGO! XA! SI! (BIS)

AINDA HAI PAIS QUE NON LLES FALAN
ÓS SEUS FILLOS EN GALEGO
PORQUE PENSAN QUE É UNHA LINGUA
PARA POBRES E "PALETOS".

AOS TEUS PAIS ANIMARÁS
A FALARCHE EN GALEGO,
QUE NON CHE VAN SAÍR GRANS
NIN TAMPOUCO CAE O PELO.

HAI RAPACES E RAPAZAS
QUE Ó IR Ó INSTITUTO
NON QUEREN FALAR GALEGO
PORQUE DIN QUE É MONTUNO.

MAIS SE ALGUÉN CHE FAI TILÍN
E O QUERES NAMORAR
FAILLE AS BEIRAS EN GALEGO,
DE SEGURO LIGARÁS!

HAI RAPACES E RAPAZAS
QUE QUEREN FALAR GALEGO
PERO AÍNDA NON O FALAN
PORQUE DIN QUE TEÑEN ERROS.

ANQUE O FALES TODO O DÍA
NON CHE PODE SENTAR MAL.
NIN DÁ MOCOS, NIN DÁ FEBRE.
FAI A PROBA E XA VERÁS!

FALEMOS A NOSA LINGUA
QUE É UNHA LINGUA MOI MODERNA,
NAS ESCOLAS E NAS CASAS
NAS CIDADES E ALDEAS.

En galego! Xa! Si!

Letras Galegas 2009

29/04/09

SEGUIMOS PRODUCINDO

Os audiovisuais axúdannos a traballar a oralidade e a capturar intereses cara actividades que se desenvolven no entorno das TICS. Dous novos chegan a nós,un aportado polo grupo de 5ºde primaria como resultado dun traballo sobre os anuncios publicitarios.O segundo ven de Infantil cun recitado dun trabalinguas. Podedes velos tamén en audiobiblio.



14/04/09

RECURSOS SOBRE RAMÓN PIÑEIRO


Presentamos a páxina web na que reunimos informacións interesantes sobre o autor .
Ramón Piñeiro,o homenaxeado polas Letras Galegas 2009 non é un corredor de carreiras.Podedes coñecer algo sobre a súa vida e obra premendo na foto.Nesta páxina web reunimos diferentes enlaces a materiais que poden servir de axuda clarexar quen era .

04/04/09

VAIA CONTOS !




Tal como esperábamos ,os nenos e nenas de Infantil e 1º Ciclo, ficaron coa boca aberta.Como comentou unha das súas titoras:"eles con tal de que lles conten contos....."
Gozamos vendo como os contadores se metían no papel que lles tocara,coma se de profesionais se tratara.A expectación por ver a irmáns e coñecidos incrementou a motivación natural que unha sesión de contacontos poida ter.
Moi acertada a selección dos contos e o apoio multimedia,que fixo posible un acercamento diferente a contos tan coñecidos e entrañables coma "O patiño feo","Os tres bandidos" ou "A Cebra Camila".
Aos pequenos gustáronlle todos:a uns a ratiña presumida ,a outros o patiño ,a outros o anano..houbo para todos os gustos.AdemAis recuperamos a unha contadora que había moito tempo que non escoitábamos.PARABÉNS A TODOS E TODAS!....e grazas por compartir os contos con nós.




02/04/09

2 DE ABRIL ,DÍA DO LIBRO INFANTIL


Hoxe celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e nós imos facelo dun xeito moi especial.Teremos uns contacontos aos que agardamos con moita ansia,xa é que os alumnos do IES PARALAIA virán a facer unha animación que todos os anos é deliciosa.
Desde a biblioteca sempre nos gustou contar cos máis vellos do cole para esta actividade,pero desde hai dous cursos forma parte do Proxecto de Dinamización e Normalización dos dous centros.Os beneficios para uns nenos e outros son claros,algún de Infantil non para de decir:"meu irmán,que está no instituto,vai a vir a este cole..."Que nos traerán este ano?

30/03/09

FERMOSA NOITE PARA A LINGUA GALEGA II


XAVIER P. DOCAMPO deixounos na súa páxina web o seu discurso na noite de entrega dos premios Irmandade do Libro,na que recibiu o premio ao mellor autor.Recollemos unha parte porque non podemos esquecer a satisfacción que nos produciron as súas magníficas palabras

......"


Por iso estou tan a gusto aquí, nesta festa da palabra. Da nosa palabra, da palabra dita na nosa lingua. Das palabras coma bidueiro, ceo, canciño, arrecendo, albaroque, noitébrega, ouriol… que tanto parecen molestar; que tantas ameazas teñen que escoitar; que se lles arrebatan aos nenos e ás nenas coma quen os protexe dunha mala compañía que os pode levar polo mal camiño. Son os que pensan que restarlles coñecemento é mellor que sumárllelo. Eses mesmos fillos aos que se quere eivar, porque, aínda que no futuro poderán ler, coma min, O Quixote, non terán a fortuna que eu tiven e teño de ler Terra Chá, A esmorga ou Merlín e familia. E non será culpa deles, porque ningún ser humano abandona a súa lingua voluntariamente, dun xeito ou doutro sempre o fai obrigado por alguén. As linguas perdidas son linguas arrebatadas e sempre con violencia, quer física quer moral. Violencia da man daqueles que Manuel María acusaba…

[…] de vivir na súa terra desprezándoa,
intentando borrar o seu idioma,
asasinando o seu ser diferenciado.
Ninguén ten dereitos sobre das linguas máis que o pobo que as creou para facérense, como dixo Castelao, “o corpo sensible dunha cultura” ou con Cabanillas, para que sexan “o noso escudo”. Por iso o idioma non é de ninguén, porque é de todos. Non é de onte nin de hoxe, porque é de sempre. A lingua non se protexe nin se preserva para os de hoxe, senón que se garda e continúa para os de sempre, para os que foron, para os que son e para os que han ser. A lingua nin sequera é patrimonio dos que a usan, senón que é un ben da humanidade enteira. Patrimonio para preservar, coidar e estender no seu uso, e para transmitir, para entregar con xenerosidade e con orgullo aos nosos fillos e aos nosos netos e que así se fagan responsábeis da cadea que tamén a eles haberá de trascender. E dentro de mil anos aínda soará saudade, namoro, beizo, aperta, corpo, beixo, orella, tempa, seo, embigo, coxa, pé, deda…

Lembrade aquelas palabras de Castelao: “Como chamaríamos a un home que consentise o derrubamento do Pórtico da Groria? Pois é certamente máis bárbaro quen deixa morrer o idioma, obra de arte insuperable, feita con amor, con door e con ledicia polos nosos antergos, que recibimos en herdo e que temos a obriga de enriquecer co esprito do noso tempo”.

A pregunta de como lle habemos chamar a ese home, que a responda cada un para o seu claetre. A min só me queda pedirvos que non recuedes nin permitades que se recúe. Chámovos á resistencia pacífica, porque non se pode esquecer que os pacíficos somos nós; os belixerantes, por moito que conten dentro con complicidades cipaias, veñen de fóra; dos delirios uniformadores, dos desexos de anular o que de propio e identitario haxa en nós, consideran que a nosa identidade é mala mentres teñen por boa a súa. Por iso a defensa da lingua é a defensa de nós mesmos, sen ela non somos nada no mundo, perdemos as dimensións que nos fan visíbeis, que nos dan o espesor necesario para facermos vulto no mundo.
Victoriano Taibo deixou dito aquilo de…

O galego que non fala
a lingua da súa terra
nin sabe o que de seu
nin é merecente dela.

Así que chamar pola defensa e polo uso da nosa lingua non é máis que facerse dignos da terra que habitamos, facérmonos merecentes dela. Por iso dicimos con gusto aloumiño, cadullo, chorima, cadrifollo, paseniño, besbello, landuxo…


MOITAS GRAZAS XAVIER DOCAMPO! por compartir connosco tanta sabiduría e sensibilidade.

29/03/09

FERMOSA NOITE PARA A LINGUA GALEGA


Fermosa noite a dos Premios IRMANDADE DO LIBRO no Carballiño.O sábado 28,como se algunha estrela estivera en conxunción co galego,un tras outro fóronse sucedendo os discursos que amosaban especial sensibilidade polo momento que vive a lingua.
Aínda que non levamos o premio polo que nos nomearon finalistas,volvemos cheas de satisfacción porque por unha vez escoitamos de moi diferentes voces aquelo que os noso ollos levan vendo moito tempo.E é o recoñecemento de que o galego pasa por unha situación moi delicada,que non é momento para retrocesos porque queda moito camiño por andar.
Desde o mundo editorial,do libreiro ,da creación literaria e musical o apoio ao galego estivo presente.Compre destacar o discurso do autor gañador deste ano XAVIER P. DOCAMPO pola emotividade,contundencia e fermosura das súas verbas e tamén as cancións que nos regalou UXÍA .

  • Fomento da lectura - Bibliotecas Públicas do Concello de Oleiros
  • Institucións - Asociación cultural do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela
  • Mellor libro - Festina Lente de Marcos S. Calveiro publicado por Edicións Xerais de Galicia
PARABÉNS A TODOS!

20/03/09

RAMÓN PIÑEIRO E A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA


Cando se aprobou a Lei de Normalización Lingüística ,fai 25 anos;o homenaxeado das Letras Galegas 2009(Ramón Piñeiro) era parlamentario e pronunciou un discurso que o Consello da Cultura Galega acaba de poñer a disposición de todos e todas.
Podedes escoitalo e veredes que practicamente segue de actualidade,ademais compre lembralo para iluminarnos nestes días.Fala do optimista ambiente do Parlamento aquel 15 de xuño,do agradecemento ao pobo galego por ter conservado e transmitido de xeración en xeración o idioma,e da sobresaínte figura de Rosalía de Castro como símbolo de todos os que loitaron a prol da dignificación da lingua galega.

17/03/09

UN POEMA VISUAL SOBRE A CHOIVA


Os nenos e nenas de 2º do C.E.I.P. Xulio Camba envíannos un novo poema visual ,esta vez sobre a choiva.É un poema en movemento,xa que as pingas que conteñen as palabras están penduradas de fíos.Chuvia,auga,pingas...

16/03/09

UNHA DE AMOR

Recollemos de poemas para peques un poema DE AMOR para estes confusos días:

Por amor nacín da terra.
Por amor son o que son.
Por amor canto o meu canto,
por amor.

Por amor sángranme os pulsos
e abréseme o corazón.
Por amos dóenme os ollos.
Por amor,só por amor.

De Darío Xoán Cabana, "Cantigas do setenta"
Se queres coñecer poemas musicados doutros autores galegos entra en SON DE POETAS,un proxecto dos grupos de lingua galega e literatura e do Equipo de Normalización do IES David Buján de Cambre, A Coruña.

15/03/09

21 DE MARZO,DÍA DA POESÍA

En marzo comeza a primavera e a poesía ven con ela se é que nos deixara por un momento.A proveitamos para lembrar aquel poema de Celso Emilio Ferreiro sobre ela:
A nosa amiga

Non penses que a poesía é poesía
porque a teñen rubido a un altar,
senón porque comparte a nosa vida
cantando o seu cantar.

Cando nos imos
ela tamén se vai.

A poesía vive na temporalidá,
é unha cousa de hoxe,
un ouxeto humán,
auga,sono,roseira,
rúa,fenestra,man
vento na noite fonda,
conversa familiar
..............................

Non pensedes que a poesía é cousa sacra
porque a teñen rubido a un altar
aquiles que a pretendenden pra iles soios,
lonxana,altiva,intelectual.

A poesía é claro asunto
de todos:meu e teu, e dos demais.
cando os demais se van e nós nos imos
ela tamén se vai.

Celso Emilio Ferreiro."Onde o mundo se chama Celanova"
Recollido de "Poetízate",a antoloxía da poesía galega de Fran Alonso.

FINA CASALDEREY NO CLUB DE LECTURA


O club de lectura do cole recibíu a Fina Casalderrey o xoves.Acababan de ler "A lagoa das nenas mudas" e recibiron emocionados á autora.Faloulles dos seus libros,da súa infancia,e sobre todo dos sentimentos que a empuxan a escribir.A xuntanza foi un éxito,sobre toda da escritora porque o mantivo engaiolados a sesión completa.
Moitas cousas destacaron os rapaces e rapazas,pero ao mellor, o que máis lles gustou ,foi a capacidade da escritora para levalos dun sentimento a outro.En algún momento tivemos un nó na gorxa!

05/03/09

8 DE MARZO,DÍA DA MULLER TRABALLLADORA

O vindeiro domingo celebramos o DÍA DA MULLER TRABALLADORA, observade este vídeo que encontramos en Don Secón,o blogue do C.e.i.p. "A seca",en Poio
e enviadenos os vosos comentarios :lémbravos a alguén? Que faredes para que non ocorra o mesmo na vosa casa?



UNIDADE DIDÁCTICA "ESTAMOS EN TODAS"
WEB QUEST "MULLERES NA HISTORIA DE GALICIA",de Olga Rodríguez,do C.E.I.P. Milladoiro de Malpica

02/03/09

EN GALEGO.PÁSAO


Este é o lema para este ano en correlingua.

LEMA 2009:

En Galego. Pásao.

E é así porque xa se fallaron os concursos para banda deseñada e manifesto do CORRELINGUA 2009.Os gañadores son o curso de 3º de Primaria do C.E.I.P. O Piñeiriño de Vilagarcía de Arousa,na modalidade de banda deseñada.Quedaron finalistas o alumnado de 3º de Primaria do C.E.P.I. Labarta pose de Baio,Zas;o de 5ºB do C.E.I.P. A Xunqueira nº1 de PontevedraPara o manifesto os gañadores son os de 4º da E.S.O. do C.P.I. de Panxón en Nigrán.Remata así:
..."Parece mentira que de ser unha lingua de cultura en que se escribiron as cantigas medievais en toda a península, aínda haxa xente hoxe que diga que a lingua galega é unha lingua inferior. Se foi unha lingua en que escribiron ata os reis- trobadores Afonso X, o Sabio, e Don Dinis de Portugal, como é que a historia posterior creou tal complexo de inferioridade nalgúns galegos e galegas, ata rexeitala completamente?. Hai quen non quere que se dean as clases en lingua galega nas áreas que pola Lei de Normalización Lingüística se teñen que dar en galego; que din que se está impoñendo o galego no ensino. Prefiren que os seus fillos e fillas aprendan inglés e non galego. Pódese falar en galego, sen que por iso deixemos de aprender outras linguas. Na actualidade o galego non se impón, mais ben o que se impón é o castelán, pois é a lingua maioritaria. Se non facemos por remedialo, seguirá a mesma situación, ou mesmo empeorará, e cada vez haberá menos número de galegofalantes novos, o que levará consigo que a lingua galega se perda. Está nas nosas mans cambiar a situación. Falemos en galego!.

Parabéns a todos eles.
Agora queda por coñecer os gañadores do a polo ghit correlingua 2009.Eles serán os que actúen na festa correlingua que se celebrará nas principais cidades galegas.Pode descargar as cancións e votar por elas aquí.Participa!

26/02/09

ENTROIDO 2009







O venres 20 celebramos a festa do Entroido co tradicional festival de murgas.Cada curso viaxou a un país coas súas letras,podedes escoitalas premendo en cada canción.






28/01/09

MÁIS PAZ,MÁIS POEMAS


O Seminario Galego Pola Paz recolle no seu libro "Construir a paz" este poema de Antonio García Teijeiro sobre os nenos,as nenas e a paz.Paula,de 6º púxolle voz e poderedes escoitala moi pronto.
A TERRA DURMIDA

A terra dormida,
sentiu no seu seo
disparos de chumbo
disparos de xeo.

Moreas de nenos,
Co seu agarimo,
Fixeron da guerra
Un mar de aloumiños.

E foron as nenas
deitando dozura
as que converteron
o medo en ternura.

A terra, durmida,
non quere espertar.
Está moi ferida
non pode xirar.

Meniñas,meniños
de tódalas cores
cubriron a terra
de beixos e flores.

A terra abre un ollo
e sente calor.
Escoita baixiño
sonatas de amor.
E xira que xira
coitada ,a modiño,
rapazas,rapaces,
co voso cariño.

POEMA VISUAL POLA PAZ


Desde o colexio Xulio Camba ,de Vilanova de Arousa,envíannos dous novos poemas visuais.Felicitamos aos nenos e nenas de 4ºA deste colexio por unha produción tan delicada como fermosa.Nora boas!
Como vedes a Paz e a poesía camiñan xuntas.As dúas queren un mundo diferente,cheo de respecto cara as persoas e sentimentos coma os que atopamos nos nenos e nenas das nosas escolas.

Para facer un comentario

  • Pulsa co cursor enriba de comentarios
  • Elixe de identidade "Nombre"
  • Pulsa en "Publicar comentarios"
  • Pon o teu nome
  • Escribe o teu comentario no recadro
  • Sairá publicado máis tarde, cando nos chegue